Saturday 27 de April de 2024

Inés Rey eloxia a eficiencia e humanidade do voluntariado da base da Cruz Vermella do Mar da Coruña


A alcaldesa destacou a actuación desta entidade no naufraxio do Prestige, na loita contra a contaminación e atención ao voluntariado, cando se cumpren 19 anos da catástrofe

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá no acto oficial polo 50 aniversario da base de Salvamento Marítimo da Cruz Vermella na Coruña. A creación desta base na cidade foi un fito histórico, pois tratouse da primeira instalación do mar da institución en España.

Inés Rey destacou o relevante papel que xoga o equipo desta base da Coruña, que no seu medio século de historia conseguiu salvar numerosas vidas e rescatar embarcacións na nosa costa. A alcaldesa reiterou o apoio do Concello e da cidade á institución e sinalou a “eficiencia e humanidade en todas as tarefas que desenvolve” a Cruz Vermella nesta base, que se ocupa da vixilancia e salvagarda da xente mariñeira. “Unha tarefa que aquí, na Coruña, se fai tamén dende o compromiso coa igualdade contando con mulleres á fronte dos equipos como Cynthia Martín Míguez, rescatadora e patroa de embarcación”, apuntou Inés Rey.

A base de Salvamento Marítimo da Cruz Vermella naceu en 1971 a raíz do naufraxio do pesqueiro ‘La isla’ un ano antes preto da Torre de Hércules, no que perderon a vida 14 dos 15 tripulantes. Ademais do seu labor salvando vidas no mar, esta base cumpre con outros cometidos como son a inclusión social, o emprego, a saúde, a educación e a atención de familias de vítimas de sinistros marítimos.

Por outra banda, Inés Rey tamén destacou o papel da base de Salvamento Marítimo na preservación do Medio Ambiente. “Hoxe, cando se cumpren 19 anos da catástrofe do Prestige non podemos evitar lembrar o papel que desenvolveu a Cruz Vermella poñendo a disposición das autoridades os seus recursos humanos e materiais para colaborar na contención e redución dos efectos da emerxencia e en materia de instalación e vixilancia de barreiras”, apuntou a alcaldesa, lembrando que a entidade foi a primeira que atendeu as necesidades do voluntariado que chegou ás nosas costas no 2002.

A alcaldesa agradeceu o labor desenvolvido durante estes anos pola presidenta da Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e polo responsable da base de Salvamento Marítimo na Coruña, Román Paz Fernández. Tamén se lembrou do resto de integrantes da entidade que colaboran activamente ao longo do ano. “Non podo deixar de referirme ao que dende o meu punto de vista é o elemento diferenciador desta entidade, o seu equipo humano, os voluntarios e voluntarias. Persoas como Manuel Casal, voluntario veterano que xa estivo nos inicios da base de salvamento. Sen o seu compromiso e o de todas as persoas voluntarias e profesionais que forman parte desta entidade, esta base que hoxe cumpre 50 anos non sería o referente de compromiso, profesionalidade e humanidade que é”, sinalou Inés Rey.